Novas

EMMO colabora cun estudo científico para potenciar investigacións sobre a Esclerose Múltiple na comarca

14 de marzo de 2022 EMMO Eventos


O obxectivo é mellorar a calidade asistencial e da vida dos diagnosticados.

A Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo ven de acordar unha colaboración para realizar unha investigación sobre Esclerose Múltiple (EM) no Morrazo. Con este estudo preténdese coñecer a repercusión que ten esta doenza na área do Morrazo. Deste xeito poderase planificar mellor futuras intervencións e mesmo plantexarse outro tipo de investigacións que permitan mellorar a calidade asistencial. A investigación correrá a cargo de Marta Giráldez Villar, estudante de 6º curso de Medicina, e contará, ademais, co apoio do investigador e médico Dr. Jorge Cameselle. Cameselle colabora con EMMO dende o seu nacemento xunto con outras entidades do eido socio sanitario como ADICAM (Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama).

A presentación do proxecto terá lugar o vindeiro venres 18 de marzo ás 5 da tarde na sede de ADICAM, en Cangas do Morrazo. Esta investigación non se centra exclusivamente en persoas asociadas a EMMO, senón que está aberta á participación de todo aquel paciente do Morrazo cun diagnóstico de EM que queira contribuír ao estudo.